Friday 17 de May de 2024

Xuntanza do xurado do XX Certame de Humor Gráfico “Curuxa do Humor”


O xurado do premio “Curuxa do Humor 2016”, formado polo alcalde de Fene, Juventino Trigo, a concelleira de Cultura, Amalia García, o xestor de actividades culturais do Concello, Daniel Romero, e os debuxantes Santy Gutiérrez, Abraldes e Luis Davila, reunirase no Museo do Humor de Fene o venres 17 de xuño, ás 12.00 horas, para elixir aos/ás gañadores/as do certame que se darán a coñecer ese mesmo día a través da páxina web municipal www.fenecidadan.gal e dos diferentes medios de comunicación.

CURRÍCULO DOS MEMBROS DO XURADO

SANTIAGO GUTIÉRREZ, “Santy” (Vigo, 1971). Adícase profesionalmente ao debuxo dende 1993, realizando viñetas de humor gráfico para a prensa galega. Ten colaborado con El Correo Gallego, La Voz de Galicia, La REgión de Ourense, Atlántico Diario, e actualmente ten sección diaria no xornal Diario de Pontevedra, El Progreso de Lugo, La Opinión de A Coruña, L-V, La Opinión de Tenerife e Diario de Mallorca. O seu traballo como humorista gráfico valeulle numerosos recoñecementos, entre os que salientan o primeiro premio e dous accésits no concurso nacional de Humor Gráfico Joven&Brillante e o primeiro premio da Bienal da caricatura de Ourense. Tamén ten colaborado con revistas de tirada nacional como MisterK, El Jueves, Autobild e Personal Computer & Internet (ed. Axel Springer).
Como ilustrador editorial posúe un amplo catálogo de títulos publicados, destacando a súa traxectoria en libros de texto e de literatura infantil e xuvenil, traballando de xeito regular para editoriais como Xerais, Anaya, Rodeira, Edebé, Bromera Edicións, Pearson Publishers, Edelvives ou Bruño.

Membro fundador do estudio Baobab, estudio de referencia no noroeste español onde comparten espazo de traballo e sinerxias profesionais un dos grupos de autres máis destacados do sector en Galicia. Santy Gutiérrez é expresidente da Asociación GAlega de Profesionais da Ilustración (AGPI), plataforma integrada na Federación Nacional de Asociacións de Ilustradores Profesionais e dende a que traballa para a mellora global das condicións profesionais e a dignificación da profesión.

JUAN CARLOS ABRALDES RENDO (Barcelona, 1971). Artista conceptual independente que traballa no eido do cine, da televisión, dos xogos, da animación, do deseño, deseño de xoguetes, envases, escenografías, vestiario, libros e revistas.

Estudou Artes Aplicadas na escola Mestre Mateo de Santiago de Compostela. Comezou traballando como ilustrador freelance en diferentes revistas e xornais. Tamén traballou na productora Dygra, participando en proxectos como a película de animación 3D “El bosque animado”, “Una noche de verano” ou “Holy Night”. En 2005 pasou a traballar para IB Cinema, deseñando a animación do filme “Linko Killer”. Dende xaneiro de 2006 ata o mes de outubro de 2014 traballou como director artístico na compañía Ficción Producciones (empresa adicada á producción audiovisuais e de videoxogos). Previamente tamén traballou como animador 2D no programa “Xabarín Club” da Televisión de Galicia.

Colaborador habitual do xornal La Voz de Galicia e doutras publicacións como “Creeps”, “Tomb of Terror”, etc. Tamén realiza traballos de ilustración e cómic para a compañía lAlma3D de Santiago de Compostela.

LUIS DAVILA MALVIDO (Bueu, Pontevedra 1972) Deseñador gráfico. Estudou na escola de Artes e Oficios Pablo Picasso de A Coruña. Humorista gráfico moi coñecido polas súas tiras de humor “O bichero” e “O fotomatón”. De “O bichero” ten publicado (autoedición) cinco volumes nos que se compilan as súas mellores tiras cómicas.

Publica habitualmente no xornal decano da prensa española, o Faro de Vigo. Ademais, nos últimos anos, o seu traballo esta acadando cada vez máis repercusión, tanto pola súa intensa (e acertada) presenza nas redes sociais, como por participar en iniciativas tan varias coma realizar escpectáculos co actor Carlos Blanco como por colaborar cunha coñecida marca de camisetas.

O seu estilo combina unha fina retranca e un tratamento irónico e intelixente da actualidade (política, social, económica e, mesmo, deportiva) xunto a un certeiro retrato da idiosincrasia galega, sacándolle punta aos estereotipos, rindo deles e facendo rir con situacións que non resultan inverosímiles.